Escollendo ao mellor deportista de Galicia (1ª parte)
En contra da opinión xeneralizada, Galicia foi lugar de modernidade no que ao deporte se refire. Os estudos demostran que dende finais do século XIX e ata o inicio da Guerra Civil en 1936, Galicia formaba xunto a Euskadi, Cataluña e focos puntuais en Madrid, o xermolo deportivo no conxunto do Estado. Vigo (que tras Barcelona foi a cidade que máis aumentou en poboación nos primeiros 25 anos do século XX) era un lugar de referencia en clubs deportivos, nomeadamente fútbol, atletismo e ciclismo.
As conexións marítimas que Galicia tiña co Reino Unido e con América fixeron que o deporte se espallase rapidamente por todo o litoral do país. Pola contra, as malas conexións co resto da Península provocaron esa sensación de atraso respecto ao Estado e Europa. Deste xeito, coa chegada do Franquismo e a eliminación da modernidade no feito deportivo, Galicia quedou como lugar secundario e illado respecto a crecente profesionalización e expansión de diferentes disciplinas.
É por iso que para encontrar a deportistas galegos de relevancia temos que agardar na maior parte dos casos ao século XXI. Ata entón encontramos dous stándares moi tipificados; por un lado ao do deportista feito a sí mesmo, o que se coñece como xeración espontánea. Nun segundo caso falamos de membros de deportes colectivos que alcanzaron a notoriedade en clubs das grandes cidades españolas, nomeadamente Madrid e Barcelona.
—–¿Qué é un deportista galego?—–
O primeiro que se cabe preguntar é que é ser galego. Sendo obxectivo sería todo aquel nado dentro do territorio de Galicia. Sendo subxectivo sería todo aquel que se sinte galego na súa forma de pensar e de actuar. Máis o problema é como determinar isto último. Hai persoeiros nados na Galicia que fixeron a súa fama fora da nosa terra. Hai galegos que sempre falan en castelán. Ou tamén hai galegos que propoñen unha independencia e móstranse insultantes con aqueles que non a queren. Calibrase o sentimento en función dunha resposta política. É un tema que xera controversia.
Podemos dicir entón que galego é aquel que nace en Galicia e así evitamos problemas. Máis engadiríamos outros. Javier Gómez Noya naceu en Basilea, así que sendo obxectivo non podería ser considerado galego, aínda que é evidente que é un deportista que leva impregnado a categoría de galego en tódalas súas fazañas deportivas. Porén, Thiago Alcántara naceu en Vigo por circunstancias do destino. Mazinho, seu pai, xogaba no Celta e el naceu na cidade olívica. É galego de nacemento, pero nin familiar nin profesionalmente pódese considerar un futbolista patrio.
É por iso que decidín que para esta clasificación vamos a considerar galegos a tódolos aqueles deportistas que viviron os seus anos de formación en clubs deportivos de Galicia. Isto leva a considerar galegos a Gómez Noya pero tamén a Fernando Romay, a pesar de que a nosa imaxe do pivote coruñés sexa en Madrid, xa sexa nun plató de televisión ou coa camiseta do conxunto branco.
Desbotamos neste xeito a outros grandísimos deportistas que aínda nacendo na nosa terra e sentíndonos orgullosos non podemos chamalos galegos porque non se formaron en Galicia, sinxelamente naceron aquí e punto. O caso máis representativo é o de José Pedro Cea, Bicampión olímpico de fútbol con Uruguai, campión mundial en 1930 e tricampión da Copa América (unha vez como adestrador) podería ser perfectamente o mellor deportista galego da historia. Mais, aínda que nado en Redondela, sendo un bebé emigrou coa súa familia ata Montevideo onde pasou toda a súa vida. Tamén destaca o ciclista gañador de varias etapas do Tour e terceiro en 1974 Vicente López Carril, asturiano de corazón pero nado na Coruña en 1942 debido ao traballo de seu pai. E no fútbol compre destacar a José Ufarte, un dos mitos do Atlético de Madrid, que aínda que pontevedrés de nacemento aos 11 anos emigrou a Brasil. De feito fixo carreira no Flamengo antes de voltar a España para xogar no equipo colchoneiro.
—–Os 10 mellores deportistas—–
Con todo isto en conta vamos a clasificar aos 10 mellores deportistas galegos da historia. Hai moitos condicionantes. Primeiro; non se poden comparar deportes colectivos e individuais, e dentro dos mesmos hai disciplinas de maior repercusión ca outras. Incluso dentro de diversas disciplinas hai diferentes probas (por exemplo un atleta pode gañar varias medallas en distintas distancias e un xogador de balonmán só pode gañar unha). Tamén se tivo en conta a aquel deportista considerado polos diferentes organismos o mellor do mundo, de Europa ou de España, e no caso dos deportes colectivos o que lograra –cun papel significativo- conseguir ditas distincións dentro dun equipo.
Quedaron moitos no tinteiro. Severino Reija, Fran, Michel Salgado, Álvaro Pino, Luís Otero, Manolo Aller, Fran Vázquez ou Julia Vaquero tamén poderían formar parte da seguinte lista. Non obstante, estes son os elixidos:
10. Chus Lago (alpinismo, Vigo 1964): Quizais é a única que non debería formar parte da lista, pero é a representante galega por antonomasia do deporte feminino. Foi a terceira muller que escalou o Everest sen osíxeno e a primeira española que chegou ata o Polo Sur.
9. Delio Rodríguez (ciclismo, Ponteareas 1916, Vigo 1994): Aínda que descoñecido polo gran público mantén o récord de vitorias de etapas na Vuelta a España con 38 triunfos. Gañou a proba en 1945 e acabou cinco veces entre os dez primeiros. A Guerra Civil e a II Guerra Mundial cortaron a súa traxectoria.
8. Amancio Amaro (fútbol, A Coruña 1939): Balón de Bronce en 1964 e buque insignia do Real Madrid a cabalo entre os 60 e os 70. Gañou 9 ligas e a Copa de Europa de 1966. Coa selección española tamén logrou unha Eurocopa.
7. Fernando Romay (baloncesto, A Coruña 1959): Dúas veces campión de Europa, 7 veces triunfador de Liga e medalla de prata nos XX.OO de Os Ánxeles. Durante unha década foi titular indiscutible no Real Madrid e na selección española.
6. Óscar Pereiro (ciclismo, Mos 1977): É o claro exemplo do deportista que mediaticamente tería que estar nos tres primeiros postos da lista. Só tivo un par de anos de traxectoria esplendorosa, pero nun deles conseguiu a vitoria no Tour de Francia, o primeiro galego e un dos sete españois que o lograron en mais de 100 anos.
E por hoxe nada máis. No seguinte artigo indagarei polo miúdo na traxectoria dos cinco primeiros da miña particular lista.